Thursday 02 de May de 2024

O Concello das Somozas contará cunha Casa do Maior


• Esta instalación funciona de xeito similar a un Centro de Día e está dirixido a persoas maiores de 60 anos, en situación de dependencia ou non, co obxectivo de manter e mellorar a súa calidade de vida.

• O edificio estará fronte ao Concello e está financiado a través da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

O Concello das Somozas está a traballar na adecuación dun dos edificios situados fronte á casa consistorial para convertelo nunha Casa do Maior, unha instalación que funciona de xeito similar a un Centro de Día, dirixida a persoas maiores de 60 anos, en situación de dependencia ou non.

O obxectivo deste novo servizo, financiado a través da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, é funcionar como unha fórmula destinada a contribuír na atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores. Deseñarase e organizarase un ambiente e trato familiar no cal se dea resposta ás necesidades derivadas da idade e da situación de dependencia das persoas usuarias.

A atención prestada comprende a hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e/ou de adestramento cognitivo. Os maiores poderán acudir ao centro un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará cos profesionais. Haberá cinco prazas dispoñibles, dirixidas a persas empadroadas no Concello das Somozas.